A raza Vianesa é orixinaria da Terra do Bolo, comarca que se sitúa no oriente da provincia de Ourense, e esténdese cara aos montes do Inverndoiro e serra de Queixa en Chandrexa de Queixa, Manzaneda e A Pobra de Trives, chegando ata Vilar de Barrio, Montederramo e Maceda.

Noutro tempo en Viana do Bolo, da cal toma o seu nome, e mais en Celeiros e A Veiga, celebrábanse feiras nas que se comerciaban con xugadas de bois, que eran embarcados en ferrocarril dende Monforte de Lemos e A Rúa para seren exportados a outras rexións.

As condicións orográficas desta comarca, a máis montañosa da provincia de Ourense, dificultaron a mecanización agrícola e favoreceron os sistemas de explotación tradicionais necesitados de animais cunha forte adaptación ao medio, polo que a raza, moi valorada pola súa rusticidade e vigorosidade, gozou do mellor censo das Morenas Galegas. 

Pero a situación rematou a partir da segunda metade do século XX coa evolución industrial e agrícola e o posterior desenvolvemento das vías de comunicación. Os seus efectivos foron substituídos por maquinaria e por outras razas altamente especializadas para alcanzar maiores rendementos leiteiros e cárnicos, aínda que con maiores requirimentos para producilos.


|
| © Boaga 2024